Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza cos responsábeis dos entes provinciais

Feijoo recupera a promesa do bipartito de coordinar Xunta e deputacións

O presidente fala de "protocolizar" a relación co Goberno, actualizar competencias e coordinaren servizos e investimentos.

Redacción - 18:00 03/08/2009

Foi un dos compromisos que aparecían destacados na axenda do goberno de coalición de socialistas e nacionalistas no anterior executivo, mais foi quedando diluído na práctica a medida que avanzaba a lexislatura. Desta volta, acudiron os catro presidentes das deputacións provinciais á chamada, e algunhas das reflexións escoitadas daquela, foron agora rescatadas polo actual presidente da Xunta. Diante do coruñés Salvador Fernández Moreda e o lugués Xosé Ramón Gómez Besteiro, ambos os dous socialistas, e mais os populares Rafael Louzán, de Pontevedra, e o ourensán Xosé Luís Baltar, o presidente da Xunta falou de cinco eixos prioritarios para a coordinación cos entes provinciais.

Coordinación dos esforzos en investimento, coordinación dos servizos de emerxencia, coordinación nos recursos de asistencia técnica e xurídica aos concellos que prestan as deputacións, coordinación no despregamento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación e coordinación da estrutura territorial provincial "para darlle maior protagonismo ás deputacións no Pacto Local e para tamén ter en conta determinados movementos relativos á coordinación que queren algúns concellos no que se refire a consorcios ou áreas metropolitanas". Afirmou Núñez Feijoo que as deputacións son "unha privilexiada transmisión entre os intereses dos pequenos concellos, dos medianos e dos grandes e un auténtico viveiro de cooperación entre as administracións locais, máis necesitadas ca nunca pola crise de axuda e do compromiso das deputacións e da axuda e do compromiso da Xunta".

"Protocolizar" relacións
Falou Feijoo de "protocolizar as relacións", unha idea que cinguiu á vontade de colaborar e traballar conxuntamente con "diagnósticos conxuntos" dos principais problemas dos concellos.

Un proceso que, "a medio prazo", expuxo o presidente que debería desembocar nunha reforma da lei de administración local. "Cremos que esta lexislatura, e así llo comunicamos aos presidentes, pode ser o período axeitado para tratar unha nova lei de administración local", comentou. Con todo, advertiu Feijoo de que tal reforma só chegará no momento en que se coñezan as correspondentes reformas que propoña o goberno español.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: