O conselleiro de Infraestruturas asegura que as 79 actuacións proxectadas para 83 concellos, crearán 7 mil empregos.
Non aforrou cualificativos este sábado o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, cualificando o Plan de Infraestruturas Hidráulicas que traia no cartafol coma "o maior esforzo da historia da Xunta" en materia de saneamento e abastecemento.
En detalle, o plano contempla 79 grandes actuacións nun total de 83 municipios do país (759 millóns de euros), ademais de diversas actuacións en colaboración con entidades locais (109 millóns). O obxectivo, subliñou o conselleiro, lograr un "uso racional" da auga, "preservando a súa calidade e contribuíndo ao desenvolvemento sostíbel da economía”. De paso, asegurou Hernández que estas medidas permitirán que en 2015 "todas as rías estean saneadas", así como "resoltos os problemas de saneamento daquelas aglomeracións de mais de 2.000 habitantes", declarou.
O responsábel de Medio Ambiente uniu a esta partida orzamentaria a prometida Lei de Augas, en proceso de elaboración, afirmando que achegará un cambio do modelo de xestión dos recursos hidráulicos "que se realizará a través da creación da Axencia Augas de Galicia na procura dunha maior eficacia e eficiencia". De paso, asegurou que este plan incrementa nun 35% as previsións orzamentarias do bipartito para todo o relacionado coa administración hidráulica.
"Copia en lugar de traballar", di o PSOE
Ben diferente é a interpretación dos socialistas, xa que a voceira parlamentaria en materia medioambiental, Carme Gallego, considera paradoxal que se presente "como se fose novo" un plan que, na práctica "copia o Plan de Saneamento 2007-2015" que elaborou o bipartito durante a anterior lexislatura. "Prefire copiar no canto de traballar", censurou a deputada socialista, "seica é máis cómodo copiar que poñerse a traballar".
Segundo Carme Gallego, o acontecido é mostra da "incapacidade" da nova administración. No seu repaso, Gallego asegura que a maioría das actuacións que este sábado Agustín Hernández presentou como novidade, son en realidade iniciativas "comprometidas, adxudicadas e moitas delas iniciadas xa polo anterior Goberno”. "Se soamente ía copiar as actuacións existentes podía telo presentado antes”, ironizou.