Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entre 2002 e 2005

Axudas "irregulares" a clubes deportivos no último goberno de Fraga

"Non se salvagardou a integridade dos fondos públicos", reprocha o Consello de Contas, advertindo de que algunhas entidades poderían ter que devolver os cartos.

Europa Press - 18:00 29/07/2009

O conselleiro maior do Consello de Contas, Antonio López Díaz, denunciou este mércores "irregularidades" na concesión de subvencións a federacións e clubs deportivos nos exercicios comprendidos de 2002 a 2005 coincidindo coa "última etapa" do goberno de Manuel Fraga, que abandonou San Caetano no verán de 2005. Así o asegurou López Díaz, logo de entregarlle á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, un informe que revela que a regulación das bases das axudas concedidas a entidades deportivas neste período --a última orde fiscalizada data de novembro de 2004-- "non é conforme a dereito" polo que non se salvagardou a integridade dos fondos públicos".

O documento elaborado polo órgano fiscalizador indica que a Xunta repartiu entre federacións e clubs máis de 25 millóns de euros entre 2004 e 2005 --14,9 en 2002 e 2003 e 12,8 millóns máis nos dous exercicios seguintes-- aceptando "recibís" como xustificación "válida" dos pagos realizados ao persoal directivo e colaborador das federacións, así como dos pagos de axudas aos clubs. Ademais, o informe indica que en 2002 e 2003 as axudas foron satisfeitas coa presentación de "simples certificacións de gasto", sen que a súa adxudicación se axustase "á concorrencia competitiva". En 2004 e 2005, puntualiza o órgano fiscalizador, "non se requiriu a proba de pago das facturas".

Entre outras "irregularidades", o Consello de Contas denuncia que non se verificou" a esixencia de rendición dunha conta "xustificativa" da actividade global de federacións e clubs deportivos. O informe alerta, ademais, de que non se efectuou a publicación das axudas concedidas, "en menoscabo" do interese público e da "transparencia esixíbel" aos procedementos de concorrencia competitiva.

"Fiscalización limitada" da Xunta

Por outra banda, o Consello de Contas subliña que a Intervención da Comunidade realiza os seus controis baixo a modalidade de "fiscalización limitada", sen que exista "constancia", por parte do control interno, da "fiscalización plena de carácter posterior" en ningún dos exercicios estudados. En relación coa fase posterior á xustificación, o informe sinala que a Dirección Xeral para o Deporte ordenou a realización de auditorías "externas".

No entanto, reproba que, a pesar de verificarse a retención "irregular" de subvencións no patrimonio dalgunha federación --auditoría das subvencións outorgadas á Federación Galega de Automobilismo en 2005, por exemplo-- non se producise "ningunha actuación correctora nin sancionadora".

Recomendacións
Tras as "irregularidades" detectadas, o Consello de Contas insta á Administración a "adecuar á legalidade" o contido das convocatorias de concesión das axudas, de forma que respondan "á concorrencia competitiva" e a cumprir "a obriga" de publicar as cantidades adxudicadas así como os seus beneficiarios "cando sexa preceptivo".

Tamén insta a estabelecer "con carácter detallado" os medios de xustificación das axudas, efectuando comprobacións relativas "ao axuste e realidade" das actividades executadas en relación coas orzamentadas. Ademais, ratifica a necesidade de "requirir" a proba material do pago das facturas e recomenda a práctica do seu "estampillado" co fin de evitar a presentación dos mesmos gastos "en máis dunha entidade pública".

En canto aos casos nos que se detectou a falta de xustificación das axudas por parte de federacións e clubs, o órgano fiscalizador pide á Dirección Xeral para ou Deporte que inste a estas entidades á "debida rendición" das mesmas, procedendo, no seu caso, ao reintegro das contías "insuficientemente xustificadas". Para rematar, aconsella á administración "reforzar" os mecanismos de control interno e aposta por introducir sistemas de control financeiro "de carácter posterior". Ao tempo, aposta por fixar as actuacións "correctoras" que se deriven das "irregularidades detectadas".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: