Co gallo dos 40 anos da chegada a Lúa, o Daily Telegraph recolle os 15 obxectos cotiáns introducidos pola axencia espacial.
Aproveitando os corenta anos da chegada do home á Lúa no Apolo XI, o xornal británico Daily Telegraph selecciona os 15 spin-offs máis útiles que saíron da NASA. Ademais de ser un termo que se ten popularizado para os produtos televisivos baseados nun personaxe secundario dunha serie anterior, spin-off é tamén o nome que a axencia espacial estadounidense lle dá á tecnoloxía desenvolvida por eles e comercializada despois con éxito no mercado xeral.
Entre os máis de 1.500 inventos que pasaran da NASA ao público xeral, o xornal inglés selecciona apenas 15, desde o TAC que antes de usarse en medicina detectaba imperfeccións nas compoñentes espaciais até os filtros de auga que se desenvolveron para eliminar as bacterias nos tanques que os astronautas usaban para beber.
Algúns dos spin-offs saídos da NASA son certamente curiosos, e custa ver a primeira vista a relación coa investigación aeroespacial. Así, lentes similares ás usadas nos termómetros de ouvidos foron deseñadas primeiro para monitorizaren o nacemento de estrelas e os brackets utilizados nas ortodoncias formaban parte da estrutura das naves espaciais. O illamento para calzado deportivo ou os traxes de baño ultrarrápidos que están a crear polémica no mundo da natación tamén foron deseñados antes para a carreira espacial.
Unha boa parte dos inventos escollidos polo Telegraph pertencen ao campo das comunicacións. Deste xeito, os microchips de computadora, as ferramentas sen fíos, a televisión por satélite ou mesmo o joystick que fixeran popular os videoxogos dos 90, saíron dos laboratorios de investigación da axencia espacial. Os alimentos liofilizados, o illamento utilizado nos fogares, a escuma con memoria para fabricar colchóns, os lentes resistentes a rabuñazos ou o detector de fumes completan a lista de spin-offs seleccionados polo xornal.