O deputado socialista Abel Losada denuncia as subvencións a colectivos empresariais "sen papel directo na economía produtiva".
O conselleiro de Industria, Xavier Guerra (na imaxe) é obxecto das críticas polo funcionamento do Igape
"Usan os instrumentos de financiamento para apoiar e defender os de sempre: asociacións empresariais, clubes financeiros, etc...", laiábase este martes este martes Abel Losada, voceiro en materia de Economía, Industria e Innovación do grupo parlamentario do PSdeG. Na opinión de Losada, na práctica a Consellaría de Economía e Industria estaría empregando axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para "consolidar redes clientelares". Expón o deputado socialista que estes cartos estarían sendo empregados polo PP para "agradecer servizos prestados" a organizacións empresariais "que non xogan un papel directo na economía produtiva".
"Continúan en termos reais limitándose a discursos para a galería, sen novidades e mantendo as liñas de apoio postas en marcha polo anterior Goberno", analiza o voceiro do PsdeG. Deste xeito os socialistas reclaman a través dunha pregunta parlamentaria que a consellaría explique a redución de axudas do Igape para novos investimentos empresariais e os criterios aplicados para o financiamento de proxectos. Defende Abel Losada que o bipartito conseguira encarreirar o Igape como elemento central no apoio financeiro a "proxectos empresariais viábeis". Ao respecto, subliñando o incremento do indicador de confianza empresarial en Galiza desde comezos de 2009, considera "sorprendentes" as afirmacións do conselleiro, Xavier Guerra, ao respecto da diminución de solicitudes de proxectos de investimento.