Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN RIANXO

Petición dun novo Estatuto: máis autogoberno, no marco da Constitución española

O PSdeG demandou en Rianxo un acordo de todas as forzas para "situar a Galiza no maior nivel autonómico posíbel".

Redacción - 16:40 25/07/2009

Como xa é tradición, o PSdeG celebrou o Día de Galiza en Rianxo. Alí, perante o busto de Castelao, o secretario xeral da formación, Manuel Vázquez, pediu "consenso" a todas as forzas parlamentarias para "acordar" un Estatuto que nos sitúe no "maior nivel autonómico posíbel no marco da Constitución española". Para o líder dos socialistas, o Estatuto vixente (aprobado hai 28 anos) é "absolutamente válido", mais cre que resulta "insuficiente para afondar na autonomía e no autogoberno galegos".

Responsabilidade e goberno
Vázquez tivo palabras para os populares e para os nacionalistas. Aos primeiros acusounos de "non asumir a súa responsabilidade de gobernar", e exixiron ao presidente que acelere os trámites para "dotar a Galiza dun marco estatutario axeitado aos tempos". Ao tempo, subliñou que "o 100% da sociedade galega coincide con esta necesidade", polo que informou de que "será o PSdeG quen tire de Galiza e traballe na revisión estatutaria que de novos dereitos aos cidadáns". Nesta liña, recordou que xa pediu aos demais partidos a creación dunha comisión para analizar a revisión do marco vixente, ademais de impulsar unha proposición non de lei para abrir o debate parlamentario.

O líder socialista lamentou a xestión do PP no sector gandeiro e considerou ao conselleiro de Medio Rural "incapaz de resolver o problema lácteo". Con todo, felicitouse pola intervención do goberno estatal socialista: "tivo que intervir o Ministerio para dar solucións", dixo. Asemade, criticou os primeiros 100 días do goberno popular e asegurou que "asiniciativas máis relevantes" estiveron lideradas polos socialistas, en referencia ao devandito problema gandeiro, "o compromiso e o financiamento do AVE en Galiza", ou o financiamento autonómico.

Tamén tivo unhas palabras para o conflito lingüístico: para Vázquez é "penoso" que Feijoo se converta no "principal inimigo do galego" e recordou que "a lingua que está en perigo é o galego, non o castelán". Deste xeito, asegurou que a Xunta está empeñada "en crear conflitos, no canto de solucionalos". Finalmente Vázquez asegurou que Galiza está baixo o Goberno "máis ineficaz" que tivo nunca "por deixar que sexan outros" os que "tiren as castañas do lume".


3,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: