Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Xurisprudencia

Os concellos poderán levar parte dos ingresos do comercio electrónico

Unha sentenza do Tribunal Supremo outórgalles aos gobernos locais a posibilidade de aplicarlles unha taxa a todos os negocios que usen infraestruturas de telecomunicacións.

Redacción - 10:45 24/07/2009

Unha sentenza do Tribunal Supremo permitiralles aos concellos cobrarlles unha taxa por uso de dominio público a todas as empresas de comercio electrónico. Segundo esta decisión, os gobernos municipais, que xa poden ingresar unha parte proporcional dos ingresos dos operadores de telecomunicacións no seu territorio, poderán facer o mesmo con calquera empresa que venda por internet.

A sentenza resolve un conflito entre as operadoras de móbiles e o Concello de Badalona (Cataluña) arredor do cobro da taxa sobre dominio público e ábrelle a porta á ampliación dos impostos municipais a boa parte dos negocios na internet. Segundo informou Expansión, aínda que a sentenza non tiña ese obxectivo, di textualmente que son destinatarios desas taxas "todos os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas dispoñíbeis ao público", o que llas estendería a outros sectores sobre os que había dúbidas.

Deste xeito, o razoamento do tribunal é que, do mesmo xeito que se lles poden exixir estes impostos ás operadoras de móbiles ou ás compañías eléctricas, tamén se lles poden cargar a calquera compañía que use as redes de telecomunicacións fixas para facer negocio, o que incluiría o comercio electrónico.

Para calcular o que lle correspondería a cada concello, sería preciso chegar a un acordo arredor da Femp. O máis probábel sería que se determinase segundo a poboación de cada un, pois non sería doado calcular o negocio que xera cada empresa de comercio electrónico en cada termo municipal.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: