Os eixos da reforma deberían ser o "recoñecemento explícito" do carácter nacional de Galiza e un "amplo abano de novos dereitos".
A federación galega de Esquerda Unida (EU) definiu como "inescusable" un retorno ás negociacións de reforma do Estatuto Autonomía de Galiza, iniciadas na anterior lexislatura, mais paralizadas, segundo esta formación, por "o non querer" do PPdeG e o "non saber" de PSdeG e de BNG.
O secretario xeral dos socialistas, Manuel Vázquez, propuxo o luns a creación dunha comisión parlamentaria que inicie as accións lexislativas para a reforma do Estatuto, ao que o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, respondeu que será a Xunta a que presente un proxecto "co que comezar a negociar".
EU solicitoulles aos tres partidos con representación parlamentaria que realicen un "exercicio de responsabilidade", e salientou que os eixos do texto deberían ser o "recoñecemento explícito" do carácter nacional de Galiza e un "amplo abano de novos dereitos" coa súa tutela xudicial efectiva.
"Divulgar as vantaxes dun novo Estatuto"
Consideran, neste senso, que "non será posíbel" un novo Estatuto sen a "complicidade de amplos sectores sociais do país" e froito dunha "dinámica de mobilización e divulgación das vantaxes e esixencias que o novo Estatuto vai reportar á maioría social traballadora da nosa nación", afirman.
"Será involucrando os labregos e gandeiros, as e os traballadores que están a sufrir a crise, as mulleres, a mocidade; será na forxa dunha nova alianza das forzas da cultura e do traballo galegas que teremos o peso suficiente para arrincar nas rúas o que se nega ou resta paralizado no Hórreo", conclúen.