A Consellaría de Cultura vinculará a promoción do libro coas celebracións do ano xubileu.
O Consello da Xunta aprobou este xoves a declaración do 2010 como 'Ano do Libro e da Lectura de Galicia' co obxectivo de integrar as medidas de promoción do libro e fomento da lectura dentro do próximo Ano Xacobeo. As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a pór de relevo esta manifestación contribuíndo ao recoñecemento do libro como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura e da lingua galegas. Así mesmo, invítase a todos os galegos a participar nos distintos actos que se celebren na promoción do libro e da lectura.
A Consellaría de Cultura e Turismo considera unha simbiose moi frutífera a do Ano Santo Xacobeo, que se celebrará en 2010, e o enxalzamento do libro e da lectura en Galiza. Deste xeito, o Xubileu verase apoiado pola creación literaria galega e pola incorporación á nosa lingua dos textos fundamentais da área cultural en que nos inserimos, tanto do presente coma do pasado.