A Comisión de Seguimento manterá esta quinta feira unha nova reunión ordinaria, onde se analizará o caso de Abegondo.
A Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo manterá esta quinta feira unha nova reunión ordinaria na sede do Ministerio español de Política Territorial, onde se analizará a moción de censura en Abegondo (A Coruña). O PSOE pretende tamén levar o caso de Gondomar (Vigo), mais o PP xa avanzou que se negará por estar "fóra de prazo".
No municipio de Abegondo, o ex conselleiro popular Manuel Santiso Miramontes aliouse cun edil que fora elixido na lista socialista para asinar unha moción contra o independente Xoán Xosé Rocha e arrebatarlle o bastón de mando o pasado mes de abril.
En Gondomar, a principios deste mes, os edís elixidos na lista do PP, con catro concelleiros do PSOE e un independente, arrebatáronlle a alcaldía ao BNG. Os edís socialistas foron expulsados do partido, mentres que os populares solicitaron a baixa voluntaria do partido.
Na última xuntanza, no mes de Nadal, a Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo xulgou como un caso de transfuguismo o de Pobra de Trives (Terra de Trives), onde o PP apañou a alcaldía co apoio de dous concelleiros elixidos na lista do PSOE, mentres que decidiu remitir ao comité de expertos o caso de Mos (Vigo), onde o PP lle quitou ao PSdeG o bastón de mando co apoio dun edil que fora elixido pola candidatura socialista.
A reunión desta quinta feira estará presidida polo vicepresidente terceiro e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, e contará coa asistencia de dirixentes dos partidos políticos con representación parlamentaria. No Pacto son os representantes das distintas formacións os que propoñen os casos a estudar e tratan de alcanzar un consenso. Posteriormente o Ministerio difunde un informe sobre as vulneracións do acordo.