O poeta fíxose coa vitoria na segunda edición do certame co relato 'Un quilo de plátanos'.
E o gañador é... Carlos Negro. Poeta, lalinense, autor de obras como As laranxas de Alí Babá. Letras de Cal (1998); Far-west (2001); Héleris (2003), VII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu; Cultivos transxénicos (2008), I Premio de Poesía Victoriano Taibo; ou Makinaria (2009), era quen se agachaba detrás do pseudónimo Tusitala, o responsábel do relato gañador: Un quilo de plátanos.
Xa participara na primeira edición do concurso, "unha iniciativa interesante e divertida", con textos narrativos, como o gañador, malia a que até o de agora todo o que publicou foi poesia. "Os microrrelatos, como formato breve, pemiten facer experimentos", explica, e engade que á hora de escribir textos eróticos "é difícil fuxir dos tópicos audiovisuais e publicitarios". Negro reclama un esforzo para manter vivo o léxico galego do sexo e destaca a rica tradición de literatura erótica en Galicia, dende os textos medievais até as cantigas populares. Entre os autores contemporáneos destaca as achegas de Xurxo Borrazás.
O xurado do concurso destacou o dominio da lingua oral que se recoñecía no relato e tamén o valor de presentar sen tabús e con atrevemento e picardía a sexualidade nas persoas de máis anos. Carlos Negro explica que se primeiro a literatura conseguiu rachar coa invisibilidade do corpo da muller, agora ten que facelo co corpo da xente vella, para os que en ningún caso está vedada a sexualidade. E finalmente reivindica o humor no sexo e no erotismo pois, di, "o sexo sen humor non se pode concibir".
Velaquí o seu relato:
Ai, señora Consuelo, véxoa moi ben!
- Ai, filliña, se ti o dis! Desque me falta o meu Manuel, que Deus o teña na gloria, hai que mirar moito por unha...
- Quere que a axude coa bolsa?
- Deixa, deixa... só levo un quilo de plátanos da da Gelina...
- E non lle están moi verdes?
- Ai non! Danme máis xeito así, duriños, un cada noite, cando vou prá cama...
- Pola noite? E non lle sentan mal pra durmir?
- Quita, quita... despois é cando prendo mellor no sono... quédoche moi relaxada...iso si, hainos que untar ben... pra que presten, non sabes?
- Untalos?
- E logo non! Aos meus anos, neniña.... as cousas fanse ben ou non se fan.
- Se vostede o di, señora Consuelo, se vostede o di...