A segunda edición da iniciativa "Todos con software legal" incorporou novas seccións e máis atención ás aplicacións non privativas.
A campaña a prol do Software Legal, posta en marcha polo Ministerio de Industria, está a incorporar novidades á súa web. A segunda edición desta iniciativa, iniciada no ano 2007 e retomada o pasado mes de abril, ofrece agora entrevistas en vídeo ás principais persoas protagonistas do mundo do software no Estado Español.
Pero outra das novidades máis salientábeis, no referente aos contidos do portal, é que o software libre comeza a topar espazo na web, que ten como principal obxectivo reducir o índice de pirataría no Estado Español, un dos máis elevados de Europa. Así, faise referencia a OpenOffice, a listaxes de software libre para o uso dos xornalistas ou ao novo sistema operativo impulsado por Google.
O goberno español gastou nesta campaña arredor de 250 mil euros, co obxectivo de repetir os obxectivos acadados no 2007, cando se reduciu nun tres por cento a taxa de pirataría de software. Na iniciativa participan distribuidores e fabricantes de software, de aí que nun primeiro momento o software libre, tamén completamente "legal" estivese un pouco apartado dos seus contidos. A tendencia cambiou nesta nova edición.