Creada unha rede de municipios comprometidos para o impulso deste tipo de vehículos.
As axudas de até 5 mil euros para os particulares que adquiran un coche eléctrico son a principal novidade do plan anunciado este luns polo goberno portugués e que botará a andar en 2010. Iso si, en principio só os primeiros cinco milleiros de compradores gozarán desta axuda que, no caso de entrega do vehículo vello, chegaría até os 6.500 euros.
Alén deste incentivo, o executivo luso estabeleceu tamén axudas específicas para aquelas empresas que introduzan coches eléctricos nas súas frotas. A propia administración comprométese a virar cara á adquisición de vehículos eléctricos. Por outro lado, o ano que próximo comezará a ser obrigatorio en Portugal que as novas edificacións contemplen a instalación de sistemas de carga para estes vehículos en todos os garaxes. Vinte e cinco municipios integran xa a rede de concellos comprometidos co fornecemento de dispositivos de carga nas súas rúas.
As novidades foron anunciadas logo da xuntanza do primeiro ministro, José Sócrates, co vicepresidente de Nissan Europa, Eric Nicolas. A empresa xaponesa anunciou que Portugal é xunto co Reino Unido, a localización escollida para cadansúa fábrica de baterías de ións de litio para coches eléctricos. Un investimento de arredor de 250 millóns de euros que creará 200 postos de traballo directos.