Sete profesionais brasileiros, de distintos ámbitos da creación artística e a difusión de pensamento, manterán xuntanzas con galegos até o mércores.
Os organizadores do encontro 'Estratexias culturais de Galicia no Brasil' esperan que o obradoiro vaia máis aló das reflexións teóricas, e que permita desenvolver proxectos concretos: "non non interesa tanto a imaxe que os brasileiros teñan de Galicia, ou a que os galegos temos do Brasil, senón que facer para aumentar a nosa relación", dixo Elías Torres Feijó, coordinador do encontro. Torres Feijó salientou o valor de que o CCG participe na iniciativa, e "pense a cultura galega en termos de planificación".
No encontro participan Claudiney Ferreira (produtor cultural do Instituto Itaú), Tata Amaral (directora de cinema), Yara Franchesti (Catedrática de Literatura Portuguesa), Samuel León (editor, crítico literario, curador de cinema da Bienal Internacional de Arte de Sao Paulo), Luiz Ruffato (escritor), Roberto Lazzarini (produtor musical), Raul Juste Lores (correspondente da Folha de Sao Paulo), Agnaldo Farias (curador de arte, profesor de arquitectura) e Antón Corbacho (profesor de Literatura na Universidade Federal de Goiás).
Todos eles debaterán, nas sesións da mañá, con convidados galegos de distintos sectores e áreas, sobre as estratexias que se deben empregar para aumentar a relación entre os axentes culturais de ambos os dous países, e para que esa relación se reflita nun intercambio comercial máis intenso. Polas tardes terán lugar as xuntanzas persoais entre os profesionais brasileiros e os galegos interesados en realizar proxectos conxuntos.