Logo de fracasar as negociacións, o presidente constitucional asegurou que comezará a organizar a súa volta ao país a partir desta cuarta feira.
O presidente constitucional de Honduras, Manuel Zelaya, asegurou que comezará a organizar a súa volta ao país a partir da cuarta feira se as xestións diplomáticas emprendidas pola comunidade internacional non o devolven ao poder para ese día.
Ademais, indicou que o Goberno golpista se burlou da comunidade internacional e dos Estados Unidos pola súa negativa a aceptar a proposta de reconciliación ofrecida polo presidente de Costa Rica, Óscar Arias, que actúa como mediador.
Os representantes de ambas as delegacións deron por concluídas as negociacións este domingo á noite (madrugada en Galiza) ante a falta de acordo, mais Arias solicitou un prazo de 72 horas máis para tratar de convencer ao Goberno de facto da necesidade de que Zelaya regrese á fronte dun Goberno de concentración nacional para evitar así "un derramamento de sangue"
"Non vou deixar só ao pobo hondureño. A próxima fin de semana estarán postos os medios para que eu regrese a Honduras. Teño a autoridade moral e o respaldo do pobo para sacar do poder o réxime golpista", asegurou Zelaya nunha conferencia de prensa en Managua (Nicaragua).