Os socialistas de Xinzo critican o gasto de 25 mil euros nunhas instalacións para unha parroquia con só un menor de 20 anos.
Xinzo - Casa do Concello
Veciños e oposición viñan queixándose no Concello de Xinzo do mal estado das infraestruturas deportivas da localidade. Para o grupo local do PSdeG é "sangrante" o caso do recinto municipal da Moreira, "con vestiarios sen alicatar, sen auga quente, cun servizo de duchas obsoleto e un terreo de xogo paupérrimo". "E o máis triste é ver como os nosos cativos viaxan a un torneo internacional tendo seus propios pais que pagar os gastos de indumentaria deportiva", láianse.
Por comparación axitan os socialistas limiaos o caso recente da construción dunha pista polideportiva no lugar de Gudes. Estráñanse os socialistas de que o goberno municipal, liderado por maioría absoluta polo PP, destine 25 mil euros para esta obra. "Cónstanos polo censo que mesmo só reside aló un menor de 20 anos", argumenta o PSOE local. "E porén, ocasional e sospeitosamente pasan algunha fin de semana os netos do pedáneo", insinúan. Recordan que existen poboacións maiores e con censo xuvenil máis amplo que carecen destas infraestruturas, polo que consideran que se deberan priorizar. Para a oposición, trataríase dun exemplo máis dunha política municipal que cualifican de "caciquil e discriminatoria".