O incremento nos fondos adicionais debera vir do fondo de dispersión e dunha inxección extra en función da poboación emigrante.
Son emendas "pensadas, meditadas e razoadas", segundo subliñaba este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. De xeito concreto, a reclamación calcula que Galiza debe recibir até 190 millóns de euros por riba da cantidade proposta polo goberno español.
Aclarou Núñez Feijoo que co sistema vixente, Galiza recibiría un total de 314 e, calculado co novo modelo proposto desde Madrid, esa cantidade reduciríase a 216 millóns. "Faltan uns 90 millóns de euros", laiouse, "iso é algo irrenunciábel e non imos baixar 90 millóns de euros por unha decisión unilateral do Estado", asegurou.
De xeito paralelo, o presidente da Xunta referiuse á necesidade de computar o total da poboación, esixindo que se fixe un fondo para a emigración. Segundo as cifras da Xunta, Galiza podería obter até 100 millóns de euros adicionais por esa vía. Recordou Feijoo que hai 400 mil galegos residentes no exterior, o 27% do censo estatal de residentes ausentes e o 15% do total galego. "400 mil galegos non poden ser igual a nada", dixo, "se isto é así está claro que este sistema é insolidario".
Proposta conxunta con Castela e León
Para esta reclamación, a Xunta deseñou unha petición común co goberno de Castela e León. Unha postura conxunta para dotar de 250 millóns de euros máis o fondo de dispersión e de igual cantidade o fondo de densidade de poboación, e a maiores unha inxección para un fondo de emigración. "Con estes tres factores o Noroeste, Asturias, Castela-León e Galiza, estarían posicionados razoabelmente no modelo de financiamento", afirmou Feijoo.
Insistiu o xefe do executivo en que se trata dunha proposta "razoábel, razoada, solidaria e sólida" e que permite garantir "a igualdade na prestación dos servizos educativos sanitarios e da dependencia". A ese respecto, amosou a súa confianza en que "sexa tida en conta" polo goberno español.