Unha carta da Consellaría de Presidencia activou esta semana o proceso que integrará a ducia de concellos da Mancomunidade de Vigo e os de Cangas e Moaña.
Vigo, Baiona, Nigrán, Gondomar, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomaior, Mos, Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño (municipios integrantes da actual Mancomunidade de Vigo), xunto cos veciños do Morrazo en Moaña e Cangas, completarán a lista de concellos a integrar a futura área metropolitana de Vigo.
A misiva remitida desde a Consellaría de Presidencia aos respectivos rexedores, activa novamente o proceso e, á vez, implica un salto no tempo até 2005, recuperando o acordo daquela existente para o despregue da área metropolitana. Volve así á axenda oficialmente un asunto paralizado durante anos. Na anterior lexislatura, o daquela conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, mantivo enfrontamentos coa inicialmente alcaldesa da cidade, Corina Porro (PPdeG), e mais co daquela presidente da Autoridade Portuaria e máis tarde rexedor, Abel Caballero (compañeiro seu no PSdeG) debido ao modelo e os pasos a seguir para a conformación deste proxecto.
De xeito concreto, alcaldes de PSOE, PP e BNG coincidiran daquela en criticar o borrador achegado por Presidencia, denunciando que recortaba significativas competencias da futura área metropolitana. Finalmente, e no medio das propias diverxencias entre o naquel entón conselleiro e o propio presidente da Xunta sobre un modelo de área que chegou a ser triplo e moverse entre a posibilidade de 14 e até 28 concellos, Méndez Romeu retiraba a proposta, cualificándoa de simple punto de arrinque. En 2007 e 2008 o debate volveu aparecer tenso nas primeiras planas fundamentalmente respecto da posibilidade de que a área metropolitana incluíse ou non a Vigo e Pontevedra no mesmo plan. Entre rifa e lea, e con debates parlamentarios pouco produtivos polo medio, a iniciativa permaneceu na práctica desactivada.