As autoridades xustifican a situación argumentando que entre os detidos podería haber dirixentes da guerrilla independentista.
Uns 300 mil cidadáns tamil permanecen privados de liberdade por parte das forzas de Sri Lanka, dous meses despois de que o Exército cingalés deu por derrotada a guerrilla independentista dos Tigres Tamil (LTTE).
As organizacións de defensa dos dereitos humanos Human Rights Watch (HRW) e Amnistía Internacional (AI) levan denunciando a situación dende hai semanas. Consideran que o Goberno de Sri Lanka foi detendo "virtualmente todos os desprazados polos combates" durante un ano.
O feito de que as autoridades traten todo o mundo "coma se fosen loitadores do LTTE", foi cualificado por HRW de "vergoña nacional". Os desprazados "teñen dereito á liberdade, exactamente igual ca o resto de cidadáns de Sri Lanka", declarou a entidade.
A lexislación internacional prohibe as detencións arbitrarias e sistemáticas. Ademais, o Exército está a pór numerosos atrancos ao traballo das organizacións humanitarias e dos medios de comunicación. O xornal estadounidense The New York Times accedeu recentemente a un destes campos de concentración.