O presidente Zelaya insiste en que volverá intentar o regreso ao país.
"O goberno da República infórmalle ao pobo hondureño en particular e á comunidade internacional en xeral, que a partir deste domingo 12 de xullo suspéndese en todo o territorio nacional o toque de queda". Así o afirma o comunicado asinado polo presidente golpista, Roberto Micheletti, difundido nos medios estatais nas últimas horas. Un xesto co que afirman querer achegar "tranquilidade" e reducir a tensión no país. O toque de queda permanecía vixente desde o golpe de Estado do pasado 28 de xuño.
Mentres, o presidente no exilio, Manuel Zelaya, afirmou novamente este domingo, en declaracións a TeleSur, que volverá a Honduras "en calquera momento. De paso, Zelaya rexeitou as acusacións sobre a suposta relación de Estados Unidos co golpe e mesmo avaliou que o goberno estadounidense tratou de que non fose adiante o plan golpista. "Eu son testemuña de que ese goberno tratou, sobre todo a través ce Hugo Llorens, embaixador dos EUA en Honduras, que non chegase a materializarse a gadoupada á democracia".
Por outro lado, esta fin de semana foi noticia tamén en Honduras a expulsión de xornalistas venezolanos das cadeas VTV e TeleSur. Segundo informaron fontes dos propios canais afectados, membros dos seus equipos que informaban desde aquel país foron retidos policialmente de madrugada e posteriormente conducidos por axentes encarapuchados até o aeroporto para a súa expulsión.
Para saber máis do que está a acontecer: