Os fabricantes de bonecas agardan polos cartos prometidos polo Goberno ruso para facer fronte á crise.
As Matriuskas datan de 1890
A recente visita do presidente dos EUA, Barack Obama, a Moscú espertou a curiosidade dos medios do país norteamericano polas tradicións rusas. ABC News publicaba esta semana que os fabricantes de Matriuskas andan preocupados pola caída dun 90% nas vendas desta boneca artesanal.
Creadas en 1890, as Matriuskas están ocas por dentro para albergar unha nova boneca, e esta á súa vez unha outra, e así sucesivamente até un número variábel, que raramente supera as 20. Coa chegada da crise descendeu o número de visitantes a Rusia e, polo tanto, a súa comercialización.
Os produtores explican que os almacéns están cheos de exemplares aos que non son quen de lles daren saída. Din que a única solución viábel é un plan de rescate do Goberno ruso, que polo momento prometeu gastar 30 millóns de dólares en adquirir matriuskas que sirvan de agasallos.
Nos últimos anos os fabricantes levaron a cabo estratexias para anovar o produto. Un exemplo son as bonecas caracterizadas como persoeiros coñecidos internacionalmente como Vladimir Putin, Elvis Presley ou Osama Ben Laden.