Presentouse publicamente en Vigo o texto, que reclama o protagonismo da cidadanía na defensa do idioma e o regreso do PP ao consenso.
O que non ía ser máis ca unha roda de prensa para presentar o manifesto converteuse nun novo acto cívico a prol da lingua, e nun moi interesante debate que durou máis de dúas horas e no que participaron numerosos lingüistas e persoas da cultura, pero sobre todo cidadáns de todos os ámbitos. O auditorio da Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu o acto, no que os promotores do texto, representados por Antón Baamonde, Manuel Bragado e Xabier P. Docampo, reclamáronlle ao PP e á Xunta que regresen ao consenso lingüístico baseado na Constitución, no Estatuto e na Lei de Normalización, e que os populares racharon hai uns meses: "Gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país".
O manifesto, que xa foi asinado por máis de 1.300 persoas, avoga por "recuperar o discurso da razón", en palabras de Manuel Bragado, creando un "argumentario novo" que bote abaixo os discursos difundidos por Galicia Bilingüe, o PP e algúns medios de comunicación, e que parecen ter callado nunha parte da sociedade galega. Entre eles a propia falacia do bilingüísmo, e a presunta imposición do galego, esgrimida por persoas que, di o manifesto, "disimulan o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán". O texto continúa afirmando que "os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas".
No acto avogouse por acadar novos espazos para o galego, "ampliando o perímetro da defensa da lingua", e outorgando, sobre todo, protagonismo á cidadanía. Como di o texto, "a sociedade galega que sente aprecio cara á súa lingua debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente". De feito, unha das intervencións máis aplaudidas polos asistentes ao acto, foi o dun mozo que, en castelán, denunciou que era "inaceptábel" a actitude do goberno fronte ao galego.
Entre as restantes intervencións, destacaron as de Henrique Monteagudo, que analizou e criticou a estatexia de Núñez Feijoo, posta de manifesto claramente este xoves no Consello da Cultura Galega. Tamén a de Antón Rodríguez Reixa, que pediu que non se ceda un só milímetro na protección legal da lingua. E, de igual xeito, as de Camiño Noia, María Xosé Queizán, Xosé Guntín, Carlos Callón ou Gonzalo Navaza.
Un millón de sinaturas a prol do galego
Tamén falou Alfonso Álvarez Gándara, decano do Colexio de Avogados de Vigo, que propuxo comezar unha mobilización social en favor da lingua que se podería expresar coa recollida dun millón de sinaturas. Manuel Bragado non descartou esta opción (alén de que a cifra sexa máis simbólica que outra cousa), e apuntou como iniciativa posíbel a recollida de sianturas en outono de cara a presentar unha iniciativa lexislativa popular no Parlamento. O manifesto, que recolleu máis de mil apoios individuais nunha semana, continúa agora a súa marcha, e está previsto que en setembro se presente publicamente en Compostela.