Os cultivos deberanse adaptar á nova situación e ser trocados por outros máis tolerantes á ausencia de auga.
Plantación de millo en Eritrea
O Panel Intergobernamental sobre Mudanza Climática (IPCC, nas súas siglas en inglés), axencia dependente da ONU, revelou que media ducia de rexións africanas non poderán cultivar millo para 2050 debido ao constante aumento das temperaturas, aínda habendo unha redución drástica das emisións de CO2 a atmosfera.
Esta é unha das principais conclusións que se extraen do Cuarto Informe de Avaliación que a axencia emite regularmente. Os seis países afectados, na zona coñecida como Sahel (clima semiárido), son Burkina Faso, Chad, Mali, Níxer, Senegal e Serra Leoa.
Os investigadores consideran que os cultivos nestes lugares deberán ser adaptados á nova situación e mudar a outros que se adapten mellor á calor e á ausencia de auga, tal como o sorgo e o paínzo ou millo miúdo.
Do mesmo xeito, como consecuencia da mudanza climática, outras rexións africanas producirán especies que antes por falta de calor non podían, apuntan dende o IPCC.
"Por exemplo, Lesotho, que ten un dos climas máis fríos do continente, podería usar variedades de millo cultivadas en Mali, un dos países máis calorosos de África", din.
Adaptación e colaboración
Con estas conclusións, o IPCC pretende advertir os gobernos da Sahel de que tomen as medidas axeitadas para afrontar os cambios. Ademais, aconsellan unha colaboración entre países, partillando recursos e coñecementos.
Neste senso, os investigadores lamentan a ausencia dun banco xenético africano que permitiría unha adaptación máis doada á mudanza climática.