Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Posíbel acordo co Consorcio das Mariñas

Losada reclamaralle á Xunta a tramitación conxunta das áreas metropolitanas da Coruña e Vigo

O alcalde da cidade herculina quere que as dúas zonas "sexan creadas no menor tempo posíbel", e comecen a traballar parellas.

Redacción - 09:00 10/07/2009
O alcalde da Coruña, Xabier Losada

O alcalde da Coruña, Xabier Losada

O alcalde da Coruña, Xabier Losada, avanzou este xoves a súa intención de reclamarlle á Xunta que leve ao Parlamento, "no menor tempo posíbel", a lei de creación da área metropolitana da Coruña, e que o seu desenvolvemento sexa parello á de Vigo.

Nunha conferencia sobre a área metropolitana, no marco dun ciclo organizado polo sindicato CCOO, Losada indicou que lle ha reclamar ao presidente da Xunta que responda "ás demandas dos 600 mil cidadáns que queren contar cun instrumento máis axeitado para resolver os seus problemas cotiáns e para ter garantías de futuro". "Estou convencido de que, salvo que o actual Goberno da Xunta desexe primar unha zona sobre outra, tramitará de forma conxunta a creación das dúas áreas metropolitanas de Galiza", indicou, en alusión a Vigo e A Coruña.

Así mesmo, argumentou que "só a súa incapacidade xestora podería xustificar unha dobre rapadoira, distinto ritmo no seu desenvolvemento ou que unha fose realidade antes que a outra", acrecentando que calquera dilación que afectase á Coruña "carecería de sentido". Así, argumentou que os estudos existentes "confirman que a da Coruña é a área metropolitana máis puxante e vital de Galiza, o seu motor económico e social".

Colaboración co Consorcio das Mariñas
Na súa intervención, Losada apostou tamén por "resolver dunha vez" os debates xerados arredor da articulación da área metropolitana da Coruña, e apostou pola sinatura "inmediata" dun convenio entre o Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas.

Segundo Losada, este convenio crearía un órgano permanente de relación con dúas funcións: a promoción e constitución do ente metropolitano, que definitivamente vaia articular as relacións entre os municipios da área e servir como instrumento de resolución dos asuntos de interese común que vaian xurdindo, e a articulación definitiva da área metropolitana. Losada avogou na súa conferencia por un órgano de carácter mixto: político e administrativo. Así, segundo a súa proposta, estarían presentes nel o presidente do Consorcio dás Mariñas e o alcalde da Coruña e técnicos do Concello herculino e o xerente do Consorcio.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: