O colectivo ecoloxista Adega entende que a ponte degradará un Lugar de Interese Comunitario e prexudicará gravemente o marisqueo na ría.
Unha vez que o Goberno anunciase que desbotará o proxecto do bipartito da variante interior para volver á anterior fórmula que contempla a construción dunha ponte sobre a Ría de Muros e Noia, xa se puxo en marcha toda a maquinaria legal dos colectivos que se opoñen a esta vía. A primeira en presentar alegacións, como fixera xa nos tempos de Fraga, é a asociación ecoloxista Adega, quen alerta do grave impacto ambiental deste viaduto.
Degradación dun espazo protexido
Os ecoloxistas recordan que esta ponte destruirá unha das máis fermosas paisaxes litorais do país, o Esteiro do Tambre, un espazo declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC). Recordan que o Estudo de Dinámica Litoral elaborado pola Fundación Leonardo Torres Quevedo, da Universidade de Cantabria, incluído no dossier do proxecto, xa informa de que a construción deste viaduto levará consigo cambios na circulación das correntes do esteiro modificando o réxime sedimentario e a composición das augas.
Asemade, este estudo falaba dun importante impacto sobre os bancos marisqueiros por cambios nas correntes e nos patróns de acumulación de area, polo que perigarían zonas de cultivo e recollida de berberecho tan importantes como o Testal, A Misela, A Barquina ou A Escolleira, na ría de Noia. Ao tempo estarían en risco un bo número de postos de traballo, xa que na actualidade hai un total de 640 licenzas de marisqueo a pé e 590 a flote nas confrarías de Noia, Muros, Porto do Son e Portosín, as que traballan neste esteiro.
Doutra banda, Adega denuncia que a ponte irromperá na liña de costa noiesa destruíndo definitivamente o horizonte marítimo da ría, eliminando un dos patrimonios máis importantes da vila: a súa fachada marítima, polo de atracción turística.
Sociedade dividida
O rescate deste proxecto xa fixo saltar todas as alarmas entre a sociedade civil da comarca. Ademais de Adega, xa amosaron a súa preocupación outros colectivos. Entre eles, a Confraría de Pescadores ou a Agrupación de Mariscadoras, que xa daban por superado o deseño do goberno de Fraga. Ao tempo, estase a reactivar a oposición veciñal que no ano 2005 lideraba a Plataforma pola Defensa da Ría de Noia.
Outras entidades máis que contra o proxecto están contra o tira-puxa do que foi obxecto durante todos estes anos e reclaman unha solución inmediata e que se acelere a construción desta estrada que dará solución aos problemas de tráfico fundamentalmente no verán.
No referente á construción ou non dunha ponte, os que apoiaban esta proposta no pasado e eran contrarios á variante interior aprobada polo bipartito amósanse agora satisfeitos co anuncio da Xunta. Entre eles, destacan as asociacións patronais, como a Federación de Empresarios do Barbanza, a de Noia ou a de Muros. Tamén se sumaban a esta negativa á vertebración interior unha trintena de organizacións, entre as que había hostaleiros, entidades culturais ou deportivas.