A medida tamén serviu para protestar contra unha empresa que pretendía explotar un manancial na localidade.
Cartel da convocatoria da xuntanza, que tivo lugar este mércores
A vila de Bundanoon, situada no estado de Nova Gales do Sur, en Australia, votou por ampla maioría converterse no primeiro lugar do mundo en prohibir a auga embotellada. Veciños da localidade, de dous mil habitantes, tomaron a decisión a man alzada. A proposta partiu do empresario local Huw Kingston, que afirmou que só dúas das 400 persoas participantes na votación se opuxeron á medida.
Os comercios da vila terán prohibido vender e almacenar auga embotellada, mentres que na rúa principal instalaranse fontes de auga filtrada para que a xente poida encher as súas botellas. Aos visitantes aconsellaráselles, aínda que non se lles obrigará, a non consumir auga envasada.
O movemento produciuse cando a compañía Norlex Holdings anunciou os seus plans de explotar un manancial na vila, levar a auga en camións a Sydney e despois vendela de volta en botellas. Segundo conta o xornal británico Daily Telegraph, activistas na defensa do ambiente esperan que cunda o exemplo en Australia e que a xente pense dúas veces antes de mercar auga envasada. Calcúlase que no país austral gástanse arredor de 280 millóns de euros nese produto.
Os activistas afirman que a auga embotellada xera un uso innecesario do plástico e de combustíbel para o transporte. Segundo un estudo de 2006, a industria da auga ceibou 60 mil toneladas de gases de efecto invernadoiro. O novo goberno estatal de Nova Gales do Sur xa tomou exemplo da proposta e recomendoulles a todos os departamentos da súa administración usar auga da billa en vez de mercar botellas.