Dúas alumnas e tres docentes da universidade compostelá recibiron un 'e-book' por participar na campaña 'Fai que a túa opinión conte'.
Un modelo de libro electrónico
A biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) semella non terlles medo ás novas tecnoloxías aplicadas ao mundo do libro. Cando menos é o que dá a entender a entrega realizada este martes sete de cinco e-books a outros tantos alumnos universitarios que participaron na campaña 'Fai que a túa opinión conte'. A biblioteca quere premiar así aos usuarios que cubriron as enquisas para coñecer o grao de satisfacción sobre os servizos.
Os premiados foron as estudantes Olalla Calvo Míguez e Paula Vázquez Ramos, e, por parte do Persoal Docente e Investigador, Manuel Pereiro López, María del Carmen Rodríguez Pérez e María Dolores Cadaval Sampedro. Os cinco recolleron os seus respectivos libros electrónicos nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, de mans da vicerreitora de Investigación e Innovación María José Alonso.
O sorteo dos cinco libros electrónicos realizouse no pasado mes de maio entre as máis de 1.200 persoas que cumprimentaron as enquisas sobre os servizos da biblioteca. Estas estaban dirixidas a toda a comunidade universitaria e foron cubertas principalmente polo Persoal Docente e Investigador e polo estudantado, seguidos do Persoal de Administración e Servizos .
O obxectivo da campaña foi avaliar as opinións dos usuarios da biblioteca universitaria, detectando as posibilidades do servizo e recompilando información que poda servir para melloralo. Neste traballo, a biblioteca contou coa colaboración da Área de Calidade da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica da USC.