O xornal euskaldún dedicou un espazo destacado aos novos autores do país na súa edición deste domingo.
"A nova literatura galega" (Galiziar literatura berria), así titula o xornal Berria a reportaxe que este domingo facía un repaso polos autores emerxentes das letras galegas, da man do crítico literario Isaac Lourido. No texto pártese da limitada e exacta cota que as literaturas galega, vasca e catalá teñen asignada no sistema literario español, coa presenza consentida e alentada dun representante por lingua (Manuel Rivas, Quim Monzó, Bernardo Atxaga), e pode que algún nome máis (Suso de Toro, por exemplo, e algúns autores clásicos, como Castelao ou Rosalía).
Por iso, a reportaxe afonda nos novos autores galegos, salientando especialmente entre os poetas a Daniel Salgado, Alberto Lema, Maria do Cebreiro, Carlos Penela, Valentina Carro, Raida Rodríguez ou Oriana Méndez, coa influencia destacada de Chus Pato e Méndez Ferrín. Entre os narradores fálase de Diego Ameixeiras, Patricia Janeiro e Mario Regueira, e entre os autores máis irreverentes e iconoclastas a Samuel Solleiro, Leo i Arremecaghona e Xiana Arias, cos referentos, segundo a reportaxe, en Ronseltz e Rompente.
Xa hai unhas semanas Berria dedicaba un espazo para dar conta de iniciativas editoriais novas e alternativas, como a galega Estaleiro.