Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Moción de censura este martes

Seguirá Feijoo "caladiño coma un peto" sobre os sucesos de Gondomar?

O BNG interpelará no Parlamento o presidente da Xunta sobre unha moción de censura que entenden que é un chanzo máis dunha galería de escándalos urbanísticos, incluída a queima de papeis durante o cambio de goberno e as agresións e ameazas a concelleiros.

R.N. - 17:00 06/07/2009

"No meu partido os corruptos durarán cinco minutos". Tal foi a frase coa que, recordan os nacionalistas, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, prometía rigor máximo hai apenas un par de anos e coincidindo co escándalo aberto no Concello de Gondomar a raíz das detencións de concelleiros do PP e as posteriores revelacións sobre as irregularidades urbanísticas no municipio.

"Isto é moito máis que unha reconquista de territorio do PP", advirten desde o BNG local. Queima de papeis durante o cambio de goberno, agresións e ameazas a concelleiros e posteriormente condenas en firme polos casos probados de suborno e prevaricación. Sucesos acontecidos nun contexto de denuncias reiteradas de corrupcións urbanísticas que inclúen tamén o veciño Concello de Nigrán onde o concelleiro nacionalista David Giráldez sufrira a queima do seu propio coche no medio das coaccións debido ás denuncias de "constantes especulacións inmobiliarias e ilegalidades.

Acusacións tamén a Louzán
Por este motivo, o BNG esixe do líder do PPdeG e actual presidente da Xunta que desautorice a moción de censura en Gondomar. "É esta a idea de rexeneración da vida pública e política que promete?", desafíano. "Se el quixera podería desautorizar esta moción inmediatamente e dar explicacións sobre os graves acontecementos que aquí aconteceron", insiste Antonio Araúxo.

Entende Araúxo que "non existe ningunha explicación política sensata", para esta moción e prognostica que o PP ha de pagar o seu proceder nas próximas eleccións municipais. Con todo, agarda que no que queda de traxecto até a próxima cita coas urnas, non sexan capaces de facer demasiado "dano" no planeamento do Concello malia agoirar que van contar coa conivencia do novo Goberno. De paso, teiman en ver como aval claro na presentación desta moción de censura ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, definido por Araúxo como "o home do maletín", e cuxa sombra ven tamén na moción de censura en Mos e no intento dun paso similar en Tomiño.

Mobilizacións "cívicas" no medio da tensa situación
"Gondomar está a darlle un exemplo de civismo a toda Galiza nestes momentos complicados", insiste en subliñar o aínda alcalde.

Antonio Araúxo aproveita para agradecer a numerosa mobilización veciñal contra esta moción de censura, que levou arredor de dous milleiros de persoas esta mesma fin de semana ás rúas e inclúe cazoladas en protesta desde hai varios días. "Os veciños estanlle deixando claro aos políticos que non todo vale e deixando claro que a sociedade está san e que son algúns políticos e algunhas forzas políticas as que están podres", indican o rexedor.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: