Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS

Pinturas e debuxos de Guinovart, entre o informalismo e a abstracción

Poucos meses despois do seu pasamento, paga a pena visitar locais do Eixample barcelonés para ver pezas dun artista tan involucrado coa súa sociedade.

Lito Caramés - 09:00 04/07/2009

A pesares da crise económica que pendura por enriba de todas e de todos, hai iniciativas no mundo artístico (tan afectado pola recesión) que sorprenden gratamente e que cómpre destacar. A galería Manel Mayoral, centro de arte emperrado en mostrar as creacións do equipo Crónica, de Picasso (“35 picassos”) etc., agora presenta, monograficamente, pezas dos anos sesenta e posteriores de Josep Guinovart. Son obras de formato bastante grande e de técnicas mixtas (terras, vexetais...) e collages, sobre tela e madeira, que se orientan case sempre cara ao informalismo máis ortodoxo e do que tanto gustaba.

Na galería Francesc Mestre, en colaboración coa galería Mayoral e ao tempo, ofrécense debuxos e pinturas de Guinovart. Pezas dos anos cincuenta e posteriores, dun formato máis pequeno (algunhas semellan tarxetas postais e de prezo reducido, tal e como lle agradaba ao Guinovart) onde o artista crea e recrea os seus universos que sempre camiñaron cara o arte abstracto.

Natureza e abstracción

Josep Guinovart (1927-2007) comeza os seus vieiros cara o arte abstracto aló polo ano 1957, aproveitando sempre a liberdade imaxinativa e a utilización dos materiais máis diversos. Sempre mantivo un diálogo coa terra e a natureza en xeral, diálogo que o leva a usar símbolos subxectivos que franquean as lecturas poéticas. Xa en 1955 co-funda o grupo Taüll, un fato de artistas que pouco duraron xuntos, pero que tiñan grandes potenciais creadoras, tal e como insinúan os nomes dos seus membros: Cuixart, Tàpies, Aleu, Muixart, Guinovart etc.

A súa traxectoria artística é moi longa e diversa, destacando como pintor, debuxante, gravador e ilustrador. Cómpre destacar as súas estadas en París, as homenaxes plásticas a Federico García Lorca, a decoración do Pabellón de Catalunya na Expo de Sevilla (1992), ou as ilustracións de libros de cantos espirituais negros.

No ano 1994 créase na vila de Agramunt o Espai Guinovart, un museo dedicado a este artista, na localidade natal da súa nai e a que el sempre estivo moi vinculado. Entre moitos outros premios, recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas (1982) e o Premi Nacional de la Generalitat de Catalunya (1990).

Compromiso

Na súa vida artística e vital (inseparábeis) soubo comprometerse con xenerosidade nas loitas sociais que a historia do convulso século XX foi provocando. Hai, por tanto, no seu quefacer unha faciana social moi destacada e que percorre a súa traxectoria persoal.

Como proba dáse aquí un exemplo moi evidente. Cando foi da traxedia do Prestige (desgraza da que de certo os membros do actual goberno da Xunta de Galicia pretenden non ter lembranza, nin herdanza), Josep Guinovart foi dos primeiros artistas plásticos en confirmar a súa participación no libro “Nunca Máis si tots nosaltres som la mirada i el vent”, editado pola Plataforma Nunca Máis de Catalunya. E para crear adrede unha peza que agasallaría para contribuír no libro, pediulle a un amigo que lle trouxese chapapote da Costa da Morte. O resultado é elocuente e denunciador: o “G” de Galiza deseñado co galipote das costas galegas. Sirva esta pequena historia como sinxela e persoal homenaxe a un artista, informalista nas súas propostas estéticas, pero moi formal na súa solidariedade con causas de inxustiza social.

EXPOSICIÓNS Guinovart
Galería Manel Mayoral
Consell de Cent, 286

Galería Francesc Mestre
Enric Granados, 28


3,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Retrato de Guinovart
Retrato de Guinovart
Guinovart. “Sen Título”, 1990
Guinovart. “Sen Título”, 1990
Guinovart. “Dolmen”
Guinovart. “Dolmen”
Guinovart. “Sen Título”, 1986
Guinovart. “Sen Título”, 1986
Guinovart. “G”, Nunca Máis, 2003
Guinovart. “G”, Nunca Máis, 2003