Haberá unha retrospectiva de Edgar Pêra e destacan as proxeccións de 'Aquele Querido Mês de Agosto', de Miguel Gomes, e de 'Tanyaradzwa' de Alberte Pagán.
Volve o Filminho, o festival de cinema transfronteirizo e sen fronteiras que o ano pasado acadou un considerábel éxito de público, cunha programación de calidade. Regresa cos mesmos obxectivos e estrutura, dacabalo das dúas beiras do río, en Goián e Vilanova de Cerveira, que partillan a programación. Entre os filmes que se proxectarán, destaca 'Aquele Querido Mês de Agosto', de Miguel Gomes, unha película louvada pola crítica especializada internacional, por exemplo pola edición española de Cahiers du Cinema.
Tamén cómpre salientar a proxección de 'Tanyaradzwa' de Alberte Pagán, unha película de seis horas que se verá ao tempo en dúas pantallas, cunha duración de tres horas; Pagán viaxou a Cimbabue e atopou á muller que dá nome ao filme, que conta a súa historia e constrúe o relato. A película estreouse a finais de xuño no Cineclube de Compostela.
Outro dos pratos fortes é o ciclo dedicado ao realizador portugués Edgar Pêra, autor de filmes neuro-punks e videoclips e creador de Banda Deseñada.
Podes consultar a programación e os horarios aquí