O proceso, que precisará dun certificado dixital, durará só 10 minutos, fronte aos dous días ou máis que se precisan actualmente.
A Dirección Xeral de Tráfico e o Ministerio de Industria pretenden simplificar e abaratar o proceso de matriculación de vehículos. Así, a partir de 2010 será posible facelo en 10 minutos, co que desaparecerán as colas. O trámite efectuarase a través de internet grazas a un sistema de sinatura electrónica.
O servizo en liña vai supoñer melloras na accesibilidade, pois poderase tramitar as 24 horas do día durante todo o ano. O sistema xa demostrou ser un importante aforro de tempo na fase de probas. Antes, os trámites de matriculación dun coche precisaban un mínimo de dous días para se levaren a cabo.
Ademais, a nova plataforma supoñerá melloras na produtividade dos fabricantes e un aforro anual estimado de 20 millóns de euros. A ficha electrónica incluirá arredor de 100 características do vehículo fronte ás 50 do cartón actual. A integración electrónica de procedementos entre a administración e a industria automobilísticado incluirá, ademais da matriculación telemática, a inscrición en liña de tarxetas da ITV. Deste xeito, tamén se eliminará a documentación física que hoxe en día deben levar os coches.