Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Non hai acordo para Galiza

A ministra Salgado paraliza o financiamento arelado por Feijoo

O Goberno quere unha porcentaxe maior, e que se teñan en conta factores como a dispersión da poboación.

Redacción - 08:15 02/07/2009
Elena Salgado e Núñez Feijoo

Elena Salgado e Núñez Feijoo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou esta cuarta feira, tras dúas horas de xuntanza coa vicepresidenta económica do Goberno, Elena Salgado, que para Galiza non hai acordo aínda sobre o financiamento, e que a negociación segue aberta, porque o que "avanzou" co vicepresidente territorial, Manuel Chaves, "freouse" con Salgado.

"Onte -pola terza feira- demos pasos adiante e hoxe -pola cuarta- non. Imos seguir traballando": así resumiu Feijoo o seu encontro con Elena Salgado, á que lle presentou datos "obxectivos e obxectivábeis" sobre as peticións que fai Galiza e que referenda, segundo recordou, o propio Parlamento, incluído "o mesmo PSOE que goberna en España" e que lle gustaría "que dixese o mesmo" en Compostela que en Madrid.

Feijoo explicou que o "principal escollo" é que o Ministerio de Economía non acepta que a dispersión da poboación module o financiamento na porcentaxe que pide a Xunta, "substancialmente" superior que a estatal. A idea do Goberno Galego é que a dispersión e máis o envellecemento da poboación sexan criterios atendidos á hora de fixar as cantidades que recibirá Galiza, alén doutros factores que xa se contemplan, coma o incremento da demografía.

Acordo de financiamento consensuado por todos
O presidente galego reiterou que "Galiza quere un acordo de financiamento e que quere que o novo sistema sexa aprobado por todas as Comunidades", para non substituír un sistema consensuado por unanimidade "por outro que sexa só duns cantos", dixo. Nesta liña, recalcou que se o goberno español mantén o borrador actual, "Galiza non asinará".

Feijoo ademais subliñou que o vindeiro 15 de xuño, data marcada polo presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, para chegar a un acordo, non vai ser "posíbel" ter pechada a negociación. "Se o Goberno prefire pactar con outras Comunidades ás que non lles importa a dispersión, haberá un problema", sentenciou. "Galiza non pode asinar aquilo que prexudique o seu financiamento actual e futuro", insistiu.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: