Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN CAIXAFORUM: Palladio l'Arquitecte (1508-1580)

Deseño manierista do mestre de arquitectos

No edificio modernista de Caixaforum exhíbense creacións de Andrea Palladio. Por que segue a ser tan actual a obra deste arquitecto?

Lito Caramés - 20:30 01/07/2009

Para conmemorar o 500 aniversario do nacemento do arquitecto Andrea Palladio, Caixaforum, xunto coa Royal Academy of Arts (London) e o Centro Internazionale di Studi di Architettura Andrea Palladio (Vicenza), organiza esta exposición (Palladio l'Arquitecte (1508-1580) na que se poden ver máis de 190 obras de soportes moi diversos: maquetas espléndidas, libros, debuxos, pinturas do Greco, Veronés, Tiziano, e as opinións de arquitectos actuais sobre Palladio (Isozaki, Jiménez Torrecillas, etc,). Unha mostra atractiva e diversa.

Arquitecto de grandes familias

Palladio (Andrea di Pietro della Gondola) vive o século XVI de cabo a rabo. Convive e participa do Renacemento, ese movemento cultural tan pro-clásico e tan anti-gótico e anti-todo-aquilo que viña ou podía vir do norte. Nas terras onde viviu maioritariamente Palladio (Val do Po: Padua, Vicenza, Venecia) aínda non repercutira moito a crise económica provocada pola chegada dos europeos ao novo continente (América) e o traslado das capitais económicas ás cidades atlánticas. Nesas terras do Po (a planura padana, tan ben fotografada por Bertolucci no filme Novecento) a nobreza e a burguesía decidiron investir en terras, e construíron magníficas Villa rurais, auténticos símbolos de poder social. Palladio non só edificará pazos urbanos senón que traballará para moi boas familias co gallo de lles erixir a “villa” que as distinguiría.

Hoxe hai unha “villa” que sempre é citada como o paradigma desas construcións, a Villa Capra, ou Rotonda. O seu autor, como non, Andrea Palladio. A Rotonda, desde o cume do outeiro, é perfecta na súa harmonía e equilibrio de liñas, volumes e proporcións: planta central con cúpula, catro brazos iguais, catro pórticos hexastilos de columnas xónicas...; combinación xusta de arquitectura con xardíns e espazos rurais. Da Rotonda, como de moitos outros edificios, hai en Caixaforum unha exquisita maqueta a escala 1:33.

Palladio innovador e clásico

Palladio é fidel seguidor do clasicismo ditado polo Renacemento. E tamén é o primeiro arquitecto que se atreve -poñamos como exemplo- a pór diante dunha igrexa xa construída (de tres naves e planta de cruz latina) unha fachada absolutamente clásica, iso é: frontón, columnas e pilastras corintias (en Roma tiña un magnífico referente romano: o Panteón de Agripa). Tal acontece en Il Redentore (Venecia), asemade con interesante maqueta na mostra.

Para fixar os seus criterios estéticos, Palladio escribe I Quattre Libri dell’Arquittetura nos que recomenda fuxir de invencións inútiles e que tamén se exhiben no Caixaforum.

Outra das innovacións de Palladio foi o abaratamento dos materiais. Para que a crise que se vía vir non frease a edificación suntuosa, constrúe as columnas, non con mármores ou pedras caras, senón con ladrillos de sección circular, recubertas logo con cal e mais con po de mármore.

Na súa plenitude a Palladio tócalle vivir a segunda metade do Cinquecento (esa transición cara o Barroco), período ao que agora chamamos Manierismo. Son tempos duros, de loitas de relixión, de Contrarreforma católica, de declive económico mediterráneo... E na súa estética clasicista comezan a intuírse constantes da arquitectura do Seicento: preocupación polo urbanismo, importancia das fachadas etc.

As propostas palladianas percorreron Europa xa daquela (a España chegan para axudar a construír o Real Monasterio de San Lorenzo del Escorial). Máis adiante os seus edificios serán reproducidos por pintores que buscaban enaltecer a beleza rural ou urbana. Canaletto é o caso máis sobresaínte: foi o máis grande publicista de Venecia, non tendo reparo algún para falsificar dimensións e perspectivas con tal de vender unha cidade máis grande e ampla, favorecendo así que entrase no Grand Tour.

E hoxe as suxestións de Andrea Palladio seguen interesando a moitos arquitectos. Algunha cousa especial terá este arquitecto.

EXPOSICIÓN PALLADIO L'ARQUITECTE (1508-1580)

Caixaforum, Montjuïc (Barcelona)

Horario: todos os días, de 10 a 20 horas.

Até 6 de setembro.

Entrada de balde.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Palladio. Villa Capra
Palladio. Villa Capra
Palladio. Basílica Vicenza
Palladio. Basílica Vicenza
Palladio. San Giorgio Maiore
Palladio. San Giorgio Maiore
Canaletto: San Giorgio Maiore
Canaletto: San Giorgio Maiore
Palladio. Palazzo Porto
Palladio. Palazzo Porto