Co fracaso do pacto, o PSOE queda no poder en minoría, con sete concelleiros e o alcalde Iván Puentes á fronte. Os cinco edís nacionalistas saen do goberno.
Falta de negociación nos últimos orzamentos municipais e parálise administrativa en departamentos como Facenda e Urbanismo, incluída a queixa sobre o estancamento na concesión de licenzas, son os principais argumentos de "déficit de xestión" expostos este martes polo BNG local en Fene para retirarlle o apoio ao goberno liderado polo rexedor socialista Iván Puentes. Os nacionalistas tamén acusan os socialistas de "falta de lealdade" e de compromiso co apoio á iniciativa lexislativa popular en favor da volta da factoría fenesa de Navantia á construción naval civil.
En 2007 as urnas outorgáranlle ao PSOE 7 concelleiros, deixando para o BNG 5 edís. O resto: 4 para o PP e 1 para Esquerda Unida. Deste xeito, o BNG fenés deixa os socialistas en minoría deixando desde este mesmo mércores todas as áreas de xestión que mantiñan os edís nacionalistas. En conferencia de prensa, o voceiro local do Bloque, Manuel Polo, á beira do responsábel comarcal da formación, Francisco Dasilva, e do conxunto de concelleiros, anunciou que a decisión fora xa ratificada pola asemblea de militantes nacionalistas feneses. Aseguraron ademais que o paso recibiu este mesmo luns a beizón da Executiva Nacional do BNG.
De xeito inédito en case as últimas tres décadas, o BNG deixará así de ter responsabilidade de goberno no Concello de Fene. O Bloque acumulara unha longa traxectoria no poder, coa alcaldía durante anos e até a cita coas urnas en 2007, onde os electores lle concederon o 36,3% dos votos e 7 concelleiros ao PSOE local, liderado por Iván Puentes, fronte ao 26,5% do BNG, que pasaba así a ser segunda forza.