O foro enmarcado no proxecto Bioemprende reúne, principalmente, axentes relacionados coa alimentación, a medicina e o medio ambiente.
Este luns arranca en Vigo o primeiro Foro Transfronteirizo de Biotecnoloxía e Emprendemento, no que participan empresas e institucións galegas e portuguesas. O encontro, que se desenvolve no Centro Social Caixanova, está organizado por Bic Galicia coa colaboración da Fundación Universidade de Vigo, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Bic Minho e o Instituto Empresarial do Minho.
O foro forma parte do proxecto da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal Bioemprende, que promove vincular os axentes implicados no sector biotecnolóxico, mellorar a capacidade emprendedora nesta área, identificar oportunidades de negocio e xerar sinerxías de cara a consolidar un tecido empresarial biotecnolóxico. Entre as empresas participantes están, por parte galega, Zeltia, Feiraco ou Ecocelta e as lusas Frulact, Simbiente ou Bial.
A xornada desenvólvese arredor de catro mesas temáticas agrupadas por cores: vermella (medicina e saúde), azul (acuicultura e pesca), verde (agroalimentación) e branca (ambiente).