O Caravaca venceu 3-1 no partido no que se resolvía o ascenso.
O Ourense terá que agardar para xogar na Segunda B
Non puido ser. Esa foi a frase máis repetida este domingo no Morao, o campo do Caravaca, do que os homes de Romero volveron cunha derrota. Foron 90 minutos de infarto, nos que a volta á Segunda B estaba en xogo, mais o Clube Deportivo Ourense terá que xogar outra tempada na Terceira. Logo de colleitar unha ventaxa pola mínima no Couto, non foron quen de rendabilizar o resultado.
O Caravaca adiantouse no marcador nada máis iniciarse a segunda parte, cun tanto de Urtubay. O Ourense conseguía, non obstante, empatar o resultado cun gol de Antonio, que abría todas as esperanzas para o equipo vermello. Mais, como se o destino se conxurara contra os homes de Romero, a partir dese momento, todo comezou a ir mal para os ourensáns.
Primeiro, Martín tivo que ser atendido logo dun choque nun salto cun xogador do Caravaca, e mesmo tivo que ser evacuado ao hospital, onde xa se atopa fora de perigo. Despois chegou a expulsión de Alex por dobre amarela. Xa con 10, o equipo non foi quen de facer fronte aos murcianos quen, con moito oficio, rendabilizaron as súas xogadas a balón parado.
Gervasio primeiro de córner e Parches despois nunha falta frontal deixaron o definitivo 3 a 1 no marcador, afundindo o soño ourensán un ano máis na Terceira División. Con todo, aínda queda unha posibilidade para o equipo, que podería conseguir nos despachos o que non acadou no campo. Todo dependerá do que suceda agora co Cidade de Santiago.