Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BRUNO GARCÍA, ADESTRADOR DO ÁZKAR

“É un orgullo poder dicir que confiamos no produto galego”

O ferrolán renovou até 2013 o contrato que o une co equipo lugués, coa intención de traballar na construción dun equipo apoiado na canteira.

Pablo García Martínez - 10:00 28/06/2009
Bruno García, na rolda de prensa en que se anunciou a súa renovación

Bruno García, na rolda de prensa en que se anunciou a súa renovación

Despois dunha primeira tempada en que deixou ao equipo clasificado a só un punto das eliminatorias polo título, o ferrolán Bruno García Formoso renovou o seu contrato co Azkar até o 2013. Con esta decisión o club transmítelle a confianza que teñen nel como o técnico encargado de guiar a viraxe dun equipo que pretende depender cada vez máis da canteira. Así, os 35 anos que acaba de cumprir García fan da súa xuventude a ferramenta axeitada para ir medrando ao mesmo tempo que o fagan os seus pupilos, e axudar a crecer finalmente a un club en proceso de reconstrución.

Cales son os puntos básicos sobre os que se edifica o proxecto no que te embarcas coa sinatura da túa renovación?

Trátase dun proxecto a medio prazo, para catro anos, e queremos conseguir que unha porcentaxe alta do noso cadro proveña da canteira. A curto prazo imos mirar de manter a categoría, sen renunciar a chegar arriba, e darlle entrada a xogadores que deben ser importantes no futuro. Polo de agora sabemos que deixan o equipo Orol, Wegner, Casio e David. Despois o club está en conversas con Riquer e Toni para analizar o seu futuro e mantemos a Migui, Adri, Hugo e Fernandinho. Xa incorporamos a Matamoros pero aínda así falta traer un ala e un peche.

Que agardas que aporte a primeira fichaxe do vindeiro ano, o pivote Matamoros?
É unha referencia a nivel ofensivo, que xa estivo varias veces coa selección estatal absoluta. Un pivote que aporta ilusión, xuventude e adáptase a moitos aspectos da ideoloxía do proxecto, como son, principalmente idade e proxección.
Que peso pensades que van ter os xogadores da canteira que introducides agora no primeiro equipo?
Nas últimas semanas da tempada pasada, despois de rematar a liga, xa subimos a varios xogadores do filial para que adestraran co primeiro equipo. Agora temos claro que mozos como Costoia, Manu, Antonio, Keita, Míguez ou Trabada van estar connosco nos adestramentos de verán. Despois veremos o que acontece con eles, pero non podemos esquecernos de que todos menos Costoia son xuvenís e entón poden alternar o primeiro equipo co filial.

Agardades que na recta final deste proxecto que comeza agora o equipo poda subir un par de chanzos a nivel de competitividade?
Iso vaino ter que ir dicindo o tempo. Agora é arriscado facer un prognóstico, e entón nós simplemente imos mirar de manternos na categoría e que estes mozos vaian adquirindo un protagonismo cada vez maior. O equipo debe medrar segundo o fagan estes mozos.

Como avalías a situación do fútbol sala galego?
Está un pouco enfermo por mor da crise económica que atravesamos. Non hai moito que tiñamos tres ou catro equipos en honor e seis ou sete en división de prata. É unha pena que baixaran equipos como o Leis, Ourense ou o Parrulo. Outra mala nova é que un equipo como o Burela, que comezaba a asomar a cabeza na elite, mudara para un proxecto menos ambicioso.

Malia iso abondan os novos valores nos cadros dos dous equipos máis importantes do país, non é?
Si, é certo que tanto o Lobelle como nós estamos traballando a canteira e somos referentes a nivel estatal. Nós confiamos no produto galego e isto é un motivo de orgullo tanto para Galiza como para a cidade de Lugo. Poder dicir isto é para min un orgullo, como adestrador e como galego.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: