O país encheuse de fogueiras, arrecendos de sardiñas asadas, chourizos e fume. Pola mañá tamén das herbas recollidas o día antes, que molladas agardaban para que alguén lavase a cara co seu zume.
De Norte a Sur e de Leste a Oeste, Galiza encheuse de fogueiras, lumieiras, cachelas, folións. A noite máxica de San Xoán, a máis curta do ano, terminou, mais aquí vos deixamos unha pequena mostra do que foi a festa e máis o lume.
Na imaxe, un intrépido saltador de fogueiras asoma por riba do lume, na praciña da Algalia, en Compostela. A carón había unha outra fogueira, ben máis pequena, que saltaban os miúdos e aqueles que lle tiñan medo á grande.
Porén, aínda os houbo máis intrépidos, que despois de dar chimpos toda a noite, e co estómago ben cheo, metéronse no mar ou no río, para facer a xornada completa.