O grupo do PSdeG preguntará no Parlamento sobre a emisión de comunicados oficiais "nos que se confunde as institucións cun partido político".
O voceiro da área institucional do Grupo Parlamentario Socialista, Xosé Manuel Lage, denunciou o "uso partidista" das institucións por parte do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo e, en concreto, reprochoulle ao PPdeG que se empregue a web da Xunta "para atacar a deputados socialistas e nacionalistas".
Así o expón nunha iniciativa parlamentaria Lage, segundo informou hoxe o PSdeG nunha nota de prensa. A vindeira cuarta feira o voceiro da área institucional formulará no Parlamento unha pregunta oral "urxente" sobre a emisión de comunicados oficiais "nos que se confunde as institucións cun partido político".
Os socialistas consideran "extremadamente grave" que "o PPdeG empregue" os medios do Goberno para "enfrontarse" a outras forzas políticas. "A web da Xunta parécese máis á do Partido Popular que á dunha institución que represente a todos os cidadáns", láianse.
Lage expón na súa iniciativa parlamentaria unha serie de exemplos que se poden constatar, segundo precisa, "a través da web oficial da Xunta" e nos que se pode observar como se utilizan os comunicados oficiais para atacar" os deputados da oposición. Alén disto, Lage critica o presidente galego por non ter "comezado a gobernar" após dous meses no poder, e critica que obviase o "código ético" ao que se referiu durante o seu discurso de investidura.