Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"a calquera prezo"

Critican que o PPdeG "rompa de novo o pacto antitransfuguismo" ao conseguir a alcaldía de Vilariño de Conso

Estas declaracións chegaron do PSdeG. Dende BNG aseguraron que lle van pedir "unha rectificación" ao edil que lles deu o concello ourensán aos 'populares'.

Redacción / EP - 08:00 22/06/2009
Situación do concello ourensán de Vilariño de Conso (Viana)

Situación do concello ourensán de Vilariño de Conso (Viana)

O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, considerou este domingo "inaceptábel" que "unha vez máis" o PPdeG "rompa de novo o pacto antitransfuguismo" e consiga "o poder a calquera prezo". Estas declaración foron feitas por García ao coñecer este que o popular Ventura Sierra regresaba á Alcaldía de Vilariño de Conso (Viana) porque un edil do BNG votou a un compañeiro no canto de a un candidato socialista, como pactaran.

"O que aconteceu en Vilariño de Conso é na práctica un caso de transfuguismo, aínda que tecnicamente non sexa así porque o edil do BNG votou polo voceiro do seu partido", explicou García. Así mesmo, o responsábel de Organización do PSdeG comentou, nun comunicado de prensa, que, con esta actuación, vólvese "aos peores tempos do PPdeG e do baltarismo". "O caso de Vilariño de Conso súmase a outros como o de Mos, nos que o PPdeG se serve de tránsfugas para arrebatar as alcaldías que non consegue polas urnas", concluíu.

Polo seu lado, a secretaria de Coordinación, Acción Electoral e Política Municipal do PSdeG, Mar Barcón, sinalou que o acontecido en Vilariño de Conso "non afectará" os gobernos de coalición de nacionalistas e socialistas en Galiza. "É unha cuestión reducida a ese concello. Non quere dicir que pase noutros", sentenciou.

O BNG pedirá "unha rectificación" ao edil que lle entregou a Alcaldía de Vilariño ao PPdeG
Polo seu lado, dende o BNG sinalaron que lle van pedir "unha rectificación" ao edil que "rompeu a disciplina de grupo" e deu o seu voto a un compañeiro de formación no canto de darllo ao candidato socialista, como nun comezo se pactara.
O secretario de Política Municipal do BNG, Manuel Antelo, explicou este domingo que o concelleiro "non é militante" do Bloque e apuntou que comprobarán se o cambio de sentido de voto foi motivado por unha cuestión "persoal" ou se responde a unha "estratexia habitual do PPdeG e que o señor Baltar recorrese a artimañas para conseguir cotas de poder".

"Temos un acordo co PSdeG e cos veciños. Este voto era necesario e tentamos por todos os medios que acatase a disciplina de voto", alegou Antelo acrecentando que tratarán de "recompor a posición do BNG en Vilariño". "Veremos se está a man de Baltar detrás de todo", recalcou. Nesta liña, Antelo subliñou que dende o BNG han adoptar as medidas oportunas para "restituír a decisión dos veciños" a través dos "instrumentos legais" previstos, afirmando que non descartan unha moción de censura para que o PSdeG recupere a Alcaldía. "A vontade popular é a que debe prevalecer e Vilariño non pode contar cun goberno inestábel", aseverou.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: