Primeiro decidiron suspendelos temporalmente, mais agora o goberno peruano púxolle fin a unha crise que durou 70 días, e provocou a morte de 34 persoas.
Esta quinta feira o Congreso do Perú derrogou as dúas polémicas leis para regular o uso e explotación dos recursos naturais da selva, que puxeran en pé de guerra, durante 70 días, as comunidades indíxenas da Amazonía, e que deixaron un total de 34 mortos. A derrogación foi aprobada con 82 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
Os decretos, que foran aprobados o ano pasado para aumentar a rendibilidade da selva, estaban no punto de mira dos indíxenas que consideraban eran unha porta aberta para a entrada das multinacionais estadounidenses, no marco do Tratado de Libre Comercio cos EUA. O goberno de Alan García pasou semanas sostendo que a norma só pretendía regular a xestión do aproveitamento sustentábel dos recursos forestais, mentres as comunidades indíxenas vían nela unha porta aberta aos incontrolábeis investimentos privados.
Alan García pide perdón
O punto final desta crise podería ser tamén o término do gabinete presidido polo primeiro ministro, Yehude Simon, quen confirmara hai días a súa intención de dimitir en canto a situación se normalizase.
Polo seu lado, o presidente Alan García, que nun comezo rexeitara as demandas indíxenas, rectificou esta cuarta feira, pedindo perdón pola violencia desatada despois do anuncio das reformas lexislativas agora retiradas. "Chegou o momento de recoñecer que se produciron unha serie de erros", dixo no discurso previo á votación no Congreso.
Un "día histórico" para as comunidades indíxenas
Polo seu lado, os indíxenas celebraron a suspensión destes dous decretos. A vicepresidenta do grupo indíxena Aidesep (Asociación Interétnica de Desenvolvemento da Selva Peruana ) Daysi Zapata, sinalou: "Este é un día histórico para a comunidade indíxena no Perú". No congreso estaba Zapata, xunto con outros membros da Aidesep e de varias tribos, que presenciaron este "histórico momento" ataviados coas súas roupas e tocados tradicionais.
Porén, os nativos tamén quixeron lembrar que aínda existen en vigor no Perú outros sete decretos que ameazan de cheo os seus asentamentos tradicionais.
Máis información:
A situación vivida en Bagua, a comezos deste mes (05/06/2009). Parte primeira
A situación vivida en Bagua, a comezos deste mes (05/06/2009). Parte segunda
Mensaxe do presidente Alan García