Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dereitos civís

Frustración entre os homosexuais dos EUA polas políticas de Obama

A nova Administración está a incumprir promesas electorais. Por outra banda, 21 persoas resultaron feridas no Desfile do Orgullo en São Paulo.

Redacción - 17:00 16/06/2009

Human Rights Campaign, unha importante organización a prol dos dereitos dos gays nos Estados Unidos que deu o seu apoio público ao presidente Barack Obama, envioulle este luns unha carta de protesta polo recente amparo legal á Defense of Marriage Act (Lei de Defensa do Matrimonio).

A norma, coñecida polo seu acrónimo DOMA, aprobouse en 1996 e impide que as parellas do mesmo sexo casadas en Estados onde o matrimonio entre gays é legal poidan beneficiarse de iguales dereitos federais que as unións entre unha muller e un home.

A frustración expresada na misiva tamén fai referencia a outros asuntos en que a Administración Obama segue a ser reticente a avanzar, tal como permitir que gays e lesbianas se poidan alistar no Exército (actualmente poden baixo a premisa de non o declarar abertamente, o coñecido como Don't ask, don't tell, "Non preguntes, non o contes").

Como candidato á Presidencia dos EUA, Obama afirmou a súa intención de traballar na retirada da DOMA, porén o pasado venres o Goberno elaborou un expediente a favor de que sexa desestimada a demanda dunha parella de homes, casados en California durante o breve período de tempo en que foi legal, que exixen o recoñecemento dos seus dereitos.

Nun comunicado oficial, a Casa Branca afirmou que "o presidente continúa a estar profundamente comprometido" coa abolición da DOMA. No entanto, cada vez máis son os que se unen ás manifestacións na rúa.

A última hai uns días en Manhattan (Nova York) con lemas como Civil rights now ("Dereitos civís xa"), Equality for all families (Igualdade para todas as familias) e No tolerance for intolerance ("Sen tolerancia coa intolerancia").

Explosión no Desfile do Orgullo de São Paulo

En Brasil, por outra banda, fontes oficiais informaron de que polo menos 21 persoas resultaron feridas a consecuencia da explosión dunha bomba de fabricación caseira nun local onde se reuniron participantes da Desfile do Orgullo Gay de São Paulo, na madrugada do domingo ao luns.

Perto de tres millóns de persoas asistiron á 13ª edición do desfile, considerada a maior manifestación mundial de defensa dos dereitos do colectivo LGBT (lesbianas, gays, bisexuais e transexuais), que este ano protestaba precisamente contra a homofobia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: