Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GUSTAVO NIEVES, FONDISTA

“A mellora fundamental deste ano é que teño tempo para descansar do esforzo”

O vilalbés acadou dous ouros e unha prata no Campionato Europeo de Atletismo para persoas cegas, ademais de rebaixar a marca mundial dos 10 mil metros.

Redacción - 14:00 16/06/2009
Gustavo Nieves durante o pasado campionato galego por clubes

Gustavo Nieves durante o pasado campionato galego por clubes

Este 2009 está sendo o gran ano de Gustavo Nieves Campello (Vilalba, 1982) que coas súas marcas consolídase un dos mellores fondistas con discapacidade visual do mundo. Despois de participar coa selección galega no estatal de cross, rematou subcampión galego de 10 mil metros, rebaixando en máis dun minuto a marca rexistrada como recorde mundial de esa categoría. O feito de que o Comité Paralímpico non homologara aquela marca non desanimou a Gustavo que volveu bater o recorde mundial a semana pasada, xa nun campionato oficial. Londres 2012 segue a ser o seu grande obxectivo e, se todo lle vai ben, alí chegará coa carreira de Enxeñaría en Minas rematada.

Como te atopaches na pista?

Ben, nos cinco mil e nos 10 mil metros sabía que se ía forte non ía ter moitos problemas para gañar e entón intentei facer unha boa marca para asegurarme axudas para deportistas, porque en Beixín as cousas non me foran moi ben. Nos 1.500 xa sabía que ía estar máis apertado e, de feito, eu penso que xunto cos 100 metros lisos eran as probas con máis competencia de todo o campionato. Nas outras xa se ventaba como ía quedar a cousa.

Supoño que estarás contento co excelente ano que estás a completar, non é?
A verdade é que si. Hai veces que por moito que adestres as cousas non saen e a min polo de agora estame saíndo todo ben. A tempada aínda non rematou e haberá que ver como van os meses que faltan.

E que carreiras vas correr durante estes dous vindeiros meses?
Aínda non o sei, porque teño que falar co adestrador e co médico para ver que tal teño o corpo despois destas semanas. O normal sería correr un 10 mil máis, ou ben un cinco mil.

Supoño que unha parte importante do éxito correspóndelle ao traballo feito durante este ano no CGTD. Que foi o que propiciou esta mellora competitiva?
O método de adestramento non muda moito, pero agora veño aquí só para adestrar e o resto do día estou máis descansado. Ese é o cambio fundamental: que teño máis tempo para descansar do esforzo. Despois está claro que axudan todas as facilidades que supón ter aquí os médicos e adestradores, ou ter a posibilidade de xantar no centro e non ter que preocuparme desa comida.

Como valoraches o esforzo organizativo feito na cidade de Rodas, en Grecia, para poder realizar o campionato europeo?
Estivo ben. Tivéronnos a todos os deportistas nun hotel perto das pistas, con autobuses pasando frecuentemente pola zona para ir até os recintos deportivos. Notábase que era a primeira vez que organizaban un campionato destes, pero non estivo mal.

Apreciaches algunha melloría a nivel de organización de eventos deportivos adaptados nestes anos que levas competindo?
Si, hoxe un país que non xunte as condicións de accesibilidade na vila olímpica e no resto da cidade non ten oportunidade de organizar un campionato deste calibre. É verdade que se viron melloras tanto nos medios de transporte como nas outras partes das cidades ás que imos competir. Un dos principais problemas que segue habendo é a falla dunha listaxe ben organizada, que recolla as marcas de todos. Igual que eu fixen 30 minutos con 30 segundos no Campionato Galego e non me homologaron a marca, iso pódelle acontecer a outros deportistas. O que quere dicir isto é que eu agora podo ter o recorde mundial de 10 mil metros pero pode haber xente con marcas mellores que a miña sen rexistrar. É algo que o Comité Paralímpico debe mellorar, aínda que eu tamén apreciei progresos dende que comecei a correr.

Londres 2012 é agora o teu obxectivo a longo prazo, mais que retos tes pensado abordar polo camiño?
Polo medio está o mundial de 2011e aí xa compites contra os Africanos. Xa sabes con que rivais te vas atopar nos vindeiros Xogos Paralímpicos, e podes medir mellor o teu nivel. Até entón o meu obxectivo é ir mellorando as marcas para mirar de chegar a Londres reunindo as condicións necesarias para acadar unha medalla.

Combinas a práctica deportiva cos últimos latexos do estudo da Enxeñería de Minas. Este exitoso ano deportivo entorpeceu algo o teu traballo académico?
Agora cadroume isto na época de exames e era imposíbel poder presentarme a ningunha materia coa preparación necesaria para aprobar. Tócame facer algún exame en setembro e mirar de rematar a carreira o vindeiro ano.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: