O torneo comeza ás 11 da mañá e a festa remata cuns concertos nos que participarán Som do Galpom, Leite de Nai e a Tuna Rastafari.
A Agrupación Cultural Auriense aproveita a celebración da Festa de Ourense, o vindeiro 27 de xuño, para organizar a segunda edición do Campionato de Futbolín Cidade de Ourense. Os equipos participantes estarán divididos en 10 grupos, e acadarán a clasificación para as roldas eliminatorias os tres primeiros de cada grupo e os dous mellores cuartos.
Xantar, concertos e catro mil euros en premios
O equipo gañador do torneo levará, ademais dos correspondentes trofeos, 500 euros como premio. Os outros 31 equipos clasificados para a rolda final recibirán tamén premios que variarán en función da súa posición, até sumar un total de catro mil euros repartidos entre os 32 primeiros.
Ademais todos os participantes recibirán unha camiseta como agasallo, estarán convidados ao xantar e poderán asistir aos concertos cos que se fechará a gran festa do futbolín auriense. A sesión musical animarana Som do Galpom, Leite de Nai e a Tuna Rastafari. As interesadas e os interesados poden acadar máis información na páxina web da Asociación Cultural Auriense.