O seu rival máis directo, o ex primeiro ministro Mirhossein Musavi, cualificou os comicios de "fraude".
Mahmoud Ahmadineyad
O presidente iraniano, Mahmoud Ahmadineyad, logrou a vitoria nas eleccións organizadas este venres no país árabe, xa que segundo a Comisión Electoral co 80% escrutado conta cunha vantaxe xa insalvábel polo seu rival máis directo, o ex primeiro ministro Mirhossein Musavi.
En concreto, o actual mandatario logrou 18,8 dos 28,9 millóns de votos contabilizados, mentres que Musavi obtivo 9,3 millóns, polo que nin aínda que este último lograse todas as papeletas restantes obtería a vitoria. Con estes datos non é necesaria unha segunda volta xa que un dos candidatos logrou máis da metade dos sufraxios.
Musavi considerou os comicios "fraudulentos", o que provocou conatos de violencia nas rúas de Teherán entre partidarios de ambos os dous candidatos. O resultado foi recibido con absoluta sorpresa polos analistas políticos internacionais pola folgada vitoria de Ahmadineyad, e con bastante cautela polos diferentes portavoces da comunidade internacional.
Dende Israel chegaron as críticas máis contundentes. O viceministro de Asuntos Exteriores, Danny Ayalon, efectuou unha chamada aos líderes mundiais para "deter un Irán nuclear e as súas aspiracións terroristas". "Se había unha sombra de cambio en Irán, a reelección de Ahmadineyad é a expresión, máis que nunca, do incremento da ameaza iraniana", dixo.
Por outra banda, o líder supremo iraniano, o gran aiatolá Alí Jamenei, afirmou que todos os iranianos, incluídos os candidatos ás presidenciais, deben apoiar o presidente electo. Así mesmo, Jamenei emprazou os candidatos derrotados a evitar comportamentos provocadores, á vez que aplaudía o extraordinario índice de participación.
Máis información: