Luís Soto e Diego García promoven a iniciativa de recuperación do repertorio para frauta e piano dos compositores galegos.
Luís Soto e Diego García, levan adiante o proxecto Galicia21
"Poñer en valor as fontes creativas de vangarda no noso país é unha obriga que temos para asegurarnos un futuro como pobo, nun mundo que tende a globalizar ate o pensamento", expoñen Luís Soto e Diego García na presentación deste seu proxecto. Soto é profesor instrumentista de frauta travesa na Real Filharmonía de Galicia. García é pianista de xa longa traxectoria e director de orquestra con experiencia en diversos países europeos.
Xuntos levan adiante o proxecto Galicia21 do que poden consultar ampla información na súa web. Trátase dunha escolma e creación de repertorio de frauta e piano de compositores galegos de distintas épocas e estilos. Nalgúns casos realizan un traballo engadido de interpretación sobre as obras en colaboración cos compositores e, algunhas das obras que poderán escoitarse en datas vindeiras son "estreas absolutas".
Este domingo 14 de xuño presentan formalmente a iniciativa no Museo Carlos Maside, en Sada, dentro do ciclo Espazos Sonoros. Un recital onde estrearán ademais obras de compositores galegos de gran proxección. Entre outros: Julio Montero, Octavio Vázquez ou Fernando Buide. Os recitais simultanearán proxeccións de fotos, datos biográficos e reflexións dos compositores durante a interpretación das súas obras.
Logo da cita en Sada este domingo, os seguintes recitais están fixados para o 19 de xuño, en Cervo (na antiga fábrica de Sargadelos), e para o 12 de xullo, no Festival Vía Stellae (no Museo Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela).