O tribunal pronunciouse sobre un dos aspectos máis polémicos da norma: que a un internauta lle poidan cortar a conexión cando intercambie arquivos con copyright.
O Consello Constitucional francés acordou esta cuarta feira eliminar a medida máis polémica da lei Hadopi: a de darlle ao Estado o poder para cortarlle a conexión aos internautas que intercambien, máis de dúas veces, arquivos protexidos con copyright. O alto tribunal francés considera que a liberdade de expresión recollida na declaración dos dereitos humanos implica o acceso libre a servizos de comunicación como a internet.
Considera, daquela, o acceso á rede un dereito fundamental. Alén disto, o Consello Constitucional tamén remarcou, no seu ditame, que o dereito francés prioriza a presunción de inocencia, de tal xeito que só un xuíz ou un tribunal pode cortar a conexión dun internauta, e só após terse demostrado a infracción nun proceso xudicial.
Esta sentenza é un novo golpe a o presidente francés, Nicolas Sarkozy, que fixo aprobar la lei Hadopi -tamén coñecida coma lei contra o P2P ou "a dos tres avisos"-, ao segundo intento. Os partidos da oposición xa avisaran que habían enviar a norma ao tribunal constitucional, porque consideraban que era ilegal cortar conexión sen unha orde xudicial; e agora o tribunal dálles a razón.
A lei contra o P2P
A lei Hadopi pretendía marcar un precedente favorábel ás entidades de xestión dos dereitos de autor de toda a Unión Europea, obviando que antes das eleccións do pasado domingo, o Parlamento Europeo xa tomara partido contra esta medida. No último pleno, a Eurocámara votou a reforma da lexislación sobre comunicacións e tombou a emenda que deixaba a porta aberta á posibilidade de cortarlles a rede aos usuarios por motivos de seguridade pública, sen orde xudicial.