O voceiro do Bloque en Madrid pregúntalle ao goberno español polas 6 mil toneladas de residuos que verte a refinería ao mar e polos produtos que van aos sumidoiros.
Refinería de Repsol na Coruña
"Unha actividade como é a das refinerías, que é causante do 25% da contaminación mariña, debería estar sometida a normas e deberes máis estritos e debería ter compensación social", argumentou estea semana o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera. O deputado nacionalista rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que interpela o goberno español ao respecto do control das emisións tóxicas e das 6 mil toneladas de residuos vertidos anualmente como consecuencia da actividade da refinería que a empresa Repsol ten na Coruña.
Por este motivo, Francisco Jorquera pregúntalle ao executivo estatal se esixe ou ten pensado facelo neste tipo de casos, investimentos en investigacións e tecnoloxía "para reducir a contaminación que provocan". "Que investimentos realizou esta empresa en políticas de protección ao medio ambiente?", inquire. Chama a atención o representante do Bloque sobre a similitude das sustancias vertidas pola infraestrutura de Repsol coas que no seu momento causaron a catástrofe do Prestige. Lembra tamén o deputado coruñés o vertido de residuos e produtos sobrantes á rede de sumidoiros da cidade e a emisión á atmosfera de 1,5 millóns de toneladas de CO2. Por este motivo, insta o goberno español a responder sobre o control destes vertidos e emisións contaminantes. "Que custes asume Repsol? Que compensación recibe A Coruña por padecer os efectos constantes destes vertidos?", pregunta o BNG.