O rexedor popular Manuel Taboada podería sentar no banco dos acusados, polo trato que lle dispensou á promotora Fadesa na licitación do polígono industrial.
O Concello d'O Pino é o que máis quilómetros ten de Camiño de Santiago
A xestión que o alcalde do Pino (Arzúa), Manuel Taboada fixo da tramitación do parque empresarial do seu municipio podería facer que termine sentando no banco dos acusados. A xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Arzúa ditou un auto que ordena a apertura dun xuízo oral contra este rexedor popular, segundo informa o diario El País.
A maxistrada viu na súa xestión do parque empresarial indicios de "prevaricación e dun delito urbanístico", polo que lle solicita ao Ministerio Fiscal e á acusación particular que formulen as súas acusacións.
O auto alude a unha tala de árbores sen licenza -máis de 66 mil-, efectuada por Fadesa para comezar a construír o polígono. Alén disto, aínda pon en tela de xuízo a controvertida aprobación do proxecto do parque empresarial, de un millón de metros cadrados, levada a cabo polo goberno municipal do PPdeG, o mesmo día que o concello recibiu unha orde de paralización, enviada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura, ao estaren as parcelas nun paso antigo do Camiño Francés.
As irregulares actuacións de Manuel Taboada
O alcalde do Pino dixera na súa defensa, que a mañá que recibiu a orde de paralización, tamén lle chegaran tres alegacións de distintos grupos de propietarios das terras onde se había situar o polígono, polo que lles solicitou informes aos funcionarios e a unha consultora externa, que foron entregadas "a tempo" para denegar as reclamacións. Segundo Taboado, foi só daquela cando se aprobou o proxecto de urbanización para as parcelas.
Porén, meses despois Taboada envioulles varias cartas aos veciños, aconsellándolles venderlle as terras da Fadesa por 6,05 euros o metro cadrado. O importa era moito máis baixo que o que máis tarde taxou o Xurado de Expropiacións de Galiza, que era tres veces máis elevado -17,65 euros. Un grupo de propietarios dos terreos do polígono denunciou o alcalde, e aínda está nos xulgados con este caso.